Ramón Piñeiro

01 PROFETA NA NOSA TERRA

A palabra de Ramón Piñeiro, viva e actual, coma nunha viaxe no tempo a aquel sábado da primavera de 1985, pouco antes de cumprir os 70 anos, conversando con Xulio Xiz na Radio Televisión Galicia, que comezaba a falar de nós na nosa lingua, polos ceos do País.

ORIXES

Lugo é a miña cidade natural…

Creo que non hai que poñer fronteiras na proxección humana cara aos demais; na apertura humana cara ao resto do mundo non hai que poñer fronteiras.

Para min, todo vai moi unido… O ser de Láncara, o ser galego…

Lugo é a miña cidade natural, porque fun ali vivir na infancia, logo na adolescencia estudei alí, polo tanto as murallas son miñas como dos habitantes da cidade.

os comezos

En política, aos 17 anos

Era un rapaz que viña a Lugo desde Sarria, dunha aldea, tímido, pero co entusiasmo galeguista recentemente descuberto… E deseguida liguei con outros rapaces da miña idade -Antón Figueroa, Lorenzo Varela, Mouriz…-, que eran compañeiros de estudos e de xeración, e compartiamos o mesmo entusiasmo… Existía xa un grupo do Partido Galeguista, e nós creamos unha Mocidade galeguista.

AOS 21 ANOS

Guerra Civil

A guerra influíu moito en min, porque influíu en todo o mundo, e a min por razón de idade. A miña xeración foi afectada polo feito da guerra na orde íntima, persoal. En primeiro lugar, polo choque tremendo. Porque na perspectiva dos rapaces daquel tempo non había a posibilidade de imaxinar unha guerra civil.

O feito mesmo da súa dureza xa foi un choque profundo, un trauma moral.

CARÁCTER

Introvertido, non tristeiro

Son introvertido; tristeiro, non. E son pacífico por temperamento, pero varias persoas de Galicia e máis de fóra me dicían estes días: “é que ti es unha persoa tranquila que incluso irradias tranquilidade…”.

Son tranquilo no senso de pacífico, pero moi nervioso, enormemente nervioso, é dicir, que a tranquilidade é externa, pero interiormente ás veces estou nunha tensión emotiva ou nerviosa que non se reflicte, pola introversión. 

Saudade de Ramón Piñeiro

Lugo e Láncara, Do 5 ao 7 de novembro de 2026

As II Xornadas anuais de Pensamento galego, celebradas en Láncara e Lugo do 5 ao 7 de novembro de 2026 baixo o título «Saudade de Ramón Piñeiro», reúnen a destacados expertos e entidades para homenaxear, analizar e debater a vixencia intelectual, política, lingüística e humana da figura de Ramón Piñeiro. 

O ENTORNO

Os amigos

Teño moitos amigos, dentro e fóra de Galicia. É a cousa na que son máis rico, na cantidade de amigos que teño polo mundo, en diversos países, e desde logo estou moi contento porque niso a vida foime moi grata, moi xenerosa.

Para ser meu amigo, non hai un canon prefixado: ter afinidades humanas e espirituais que permiten unha comunicación íntima e profunda, unha confianza mutua. 

MILITANCIA

Intelectual ou político

O de militante político -cun predominio da acción política como obxectivo permanente e apremiante- vivino na clandestinidade. Daquela había que facelo, porque había pouca xente disposta a correr riscos, e uns cantos que tiñamos conciencia do noso deber, de reivindicar os dereitos de Galicia, que estaban unidos á democracia, asumímolos…

Nesa etapa si que tiña unha actividade, unha actitude e unha conciencia de responsabilidade política permanente.

DESPOIS DA GUERRA

A ilusión e o deber...

Despois da guerra, unha ilusión miña houbera sido ser catedrático de Filosofía nunha Universidade. Como moitos compañeiros meus son, así podería ser eu catedrático de Filosofía.

Pero esa ilusión non chegou a quitarme o sono, porque iso é o que eu sacrifiquei pola loita política, porque considerei moralmente superiores os deberes que tiña como galeguista…

LINGUA E GALEGUISMO

A Lingua

A preocupación pola lingua, para min, era naquela época da Mocidade galeguista un grande entusiasmo.

Fole, Pimentel e mais eu reuniámonos na casa de Pimentel, e eu vía a necesidade que había de estudar a lingua. Daquela non había lingüistas en Galicia, e o galego non estaba en absoluto normativizado nin normalizado.

Bibliografía de Ramón Piñeiro

Unha selección da bibliografía máis destacada de Ramón Piñeiro, centrada principalmente na ensaística, na filosofía da lingua e no pensamento galeguista, así como nas súas obras epistolares e recompilatorias máis relevantes.

1950

Editorial Galaxia

 Fundamos Galaxia un grupo de superviventes da Guerra Civil, convencidos de que a pura actuación clandestina non ía producir o cambio de réxime necesario para Galicia, e recobrar a liberdade política.

Decidimos continuar o labor clandestino de contacto coa oposición, sabendo que iso non bastaba. Era necesario actuar publicamente, había novas xeracións que non sabían nada de Galicia, que xa non tiñan contacto co noso pasado cultural, e era necesario tomar contacto con eles, pero non se podía facer politicamente, xa que había un rigor represivo moi duro….

SAUDADE

Piñeiro e a Saudade

 Os meus traballos sobre a saudade foron o comezo. Pretendía facer un libro de antropoloxía cultural galega, ou unha antropoloxía filosófica da saudade e da personalidade galega colectiva, polo que estes eran uns cantos ensaios.

Faltaban outros tres ou catro para completar o ciclo, pero nunca o puiden facer precisamente por dedicarme a moitas cousas urxentes, apremiantes. Ao ter pouca capacidade para negarme, un vai adquirindo compromisos.

PIÑEIRO E GALICIA

Profeta na nosa Terra

Se ninguén é profeta na súa terra, non me sinto profeta na miña terra. O único en relación con isto que podería dicir: o que sinto na Terra é unha actitude de cordialidade espontánea en moita xente; unha especie de identificación co que pode significar o meu comportamento galeguista, é dicir, unha manifestación de galeguismo, de solidariedade galeguista, iso si que o noto en bastantes sitios de Galicia, pero diso a ser profeta hai unha gran distancia; ese feito espontáneo, sinxelo, de simpatía cordial, iso haino.